Thursday 02 de May de 2024

O Grupo Municipal Socialista avala a Besteiro como próximo Secretario Xeral: “é o mellor compañeiro para dirixir o partido”


Gonzalo Muíños destaca a “experiencia de xestión” de Besteiro para “construír un proxecto ilusionante e de futuro que represente á maioría das galegas e galegos”

“O Grupo Municipal de Santiago traballará ao seu carón para que Compostela sexa parte dese proxecto” afirma.

“É o mellor compañeiro para dirixir o partido”, baixo este mantra o Grupo Municipal Socialista de Santiago respaldou este xoves a José Ramón Gómez Besteiro como próximo líder do PSdeG. Un apoio unánime dentro do grupo municipal que anunciou o seu portavoz, destacando a experiencia de xestión de Besteiro e a súa capacidade “para construír un proxecto ilusionante e de futuro que represente á maioría das galegas e galegos”.

Precisamente este venres remata o prazo para o rexistro de avais a Gómez Besteiro de cara ao Congreso Nacional Extraordinario que o PSdeG celebrará o vindeiro 27 de abril, e do que ten que saír, insiste Gonzalo Muíños, “un partido unido e cunha folla de ruta clara para os vindeiros anos”, un camiño que “faga que o Partido Socialista volva a ser a alternativa de goberno que Galicia precisa” recalca.

“O grupo municipal de Santiago traballará ao seu carón para que Compostela sexa parte dese proxecto” comprometeuse Muíños con Besteiro logo de que as concelleiras e concelleiros do PSOE en Santiago presentasen o seu aval.